OFestivalON

O grupo galego Lamatumbá será un dos encargados de animar a gala de entrega de premios de OFestivalON o día 31 deste mes, poñendo ó servizo dos asistentes os seus ritmos de reggae, ska, pop e mesmo pasodobre sobre o escenario. Unha mistura á que, ademais, temos que engadir a paixón pola verbena e pola festa e o poder de denunciar feitos sen perdelo sorriso.

Con máis de dez anos de traxectoria, nos últimos tempos, esta banda está pegando máis forte que nunca, tanto dentro como fóra de Galicia. E precisamente no municipio lucense, os seus compoñentes amosarán como soa en directo o seu derradeiro álbum “A Orbita da Banda Hipnótica”, que xa se esperaba con ansias entre os máis seguidores da agrupación.

Polo de agora, podedes ver un dos vídeos deste gran grupo galego:


Máis información: http://www.myspace.com/lamatumba2007

Non obstante, Lamatumbá non será a única actuación coa que contará esta gala, xa que a compañía de danza contemporánea SÓLODOSneodans presentará a súa peza “Nozomi” nesta edición. Esta actuación falará do valor do tempo e do instante nas imaxes da nosa mente, baixo o lema “nun intre pode ocurrir todo ou non pasar nada”. Unha filosofía corporal e artística que porán sobre o escenario e co que os asistentes poderán gozar. O grupo, formado polos bailaríns Carmela García e Erick Jiménez, moverase ó son de Julián Ávila, encargado da música e cuxa coreografía está deseñada por Maruxa Salas e o bailarín do grupo.

Pouco a pouco iremos desvelando os nomes das outras actuacións tanto musicais como artísticas que virán encaixadas dentro deste festival.

HOXE

Chega o festival de curtas máis esperado da época estival en Galicia. Logo de cinco edicións do On&Off Festival Creativo de Curtas en Ribadeo, na súa sexta edición, dámoslle unha volta, e presentamos a VI OFestivalON 2010.

OFestivalON

Seguimos ás voltas…Se non foi antes, este ano é o ideal para vir a Galicia, cando se viste de gala e de cultura por todos os recunchos para celebrar o ano Xacobeo. OfestivalON 2010 súmase a festa e celebra este ano a súa sexta edición para seguir amosando as mellores curtametraxes ao seu público consolidado e aos que serán novos descubridores das últimas tendencias no panorama galego, estatal e internacional grazas a OFestivalON.

OFestivalON ten como obxectivo principal a difusión e promoción de películas de curta duración, mediante a programación dunha serie de exhibicións. Trátase de seguir promocionando as curtas, así como ofrecer a posibilidade ao grande público de se achegar ao encontro con creadores e creadoras.

ONTE

● Foi en Agosto de 2005 cando o On & Off de Curtas Ribadeo 05 deu o seu pistoletazo de saída, marcando un punto de encontro para a oferta Audiovisual de Galicia e Asturias en período estival, nun marco incomparable para a proxeccións de actividades en exterior así como para as visitas a localizacións da comarca, e para atracción de xente nova á zona de acampada. O primeiro curso da curtametraxe ofertouse en colaboración coa Universidade de Santiago, e nel participaron como oradores Isabel Blanco, Nieve de Medina, Serxio Pazos, Mario Iglesias, Carlos Iglesias, ou Juan Pablo Etcheverri entre outros. O Mistura Sound Festival reuniu 18 actuacións de rúa, musicais, e de teatro, mentres que nas sesións de work in progress se falou de 3 proxectos en desenvolvemento nas datas do festival. Todo isto complementou a sección oficial de curtas de ficción, documentario e animación do festival.

● Ao ano seguinte, con moitas expectativas creadas desde a anterior edición, estreamos a que sería a actividade insignia do festival: A Toda Mecha. Catro curtas previamente seleccionadas e 8 curtas máis ideadas no mesmo festival graváronse en Ribadeo e nos seus arredores revolucionando a vila, e facendo partícipes a un gran número de persoas. Así mesmo, no apartado de formación, Jorge Carrasco impartiu un curso sobre o presuposto na curtametraxe dixital. O Mistura Sound Festival ofreceu no seu cartel a Heissel, 7 setenta e os Lili Films.

● No 2007, o Festival Creativo de Curtas ON&OFF reúne a 15 grupos de gravación e produce outras tantas curtas no A Toda Mecha, que xunta a uns 60 novos creadores. As curtas de peto co teléfono móbil achegaron a creación a todos os que quixeron formar parte del de forma sinxela e creativa. As sesións vermút foron os espazos formativos para intercambiar impresións de ti a ti arredor dun café ou dunha cervexa, xunto cun concurso de fotografía: Perspectiva Allea. O toque musical deuno o grupo The Ellas de Luís Tosar.

● As edicións do 2008 e do 2009 foron as da internacionalización, coa participación de películas internacionais na sección oficial e cun encontro xuvenil audiovisual internacional ao que asistiron alumnos de distintas escolas de cine do Reino Unido, Bulgaria, Estonia e Portugal. O A Toda Mecha deu como resultado 15 novas curtas, estes anos coa colaboración de 14 grupos musicais galegos.