Entrevistas A Toda Mecha : OFestivalON

Entrevistas A Toda Mecha

FALANDO CON OMAR RABUÑAL

Omar Rabuñal participou no certame A Toda Mecha 2009 coa súa curta “O Sobriño”, pertencente á serie “Para Mariñeiros Nós”. Nesta entrega Ricardito, o sobriño e afillado de Cobiñas, queda a cargo de seu padriño. Cobiñas decide levalo ao mar para facelo un home, pero Pinto non parece estar moi conforme. Omar nos conta a súa experiencia no certame.

-          Cal é a mellor anécdota da rodaxe de “O sobriño”? Pasamos todo o día ao sol, pero estabamos tan concentrados que ao final da xornada, pareciamos camaróns do queimados que estabamos. Os únicos aos que non lles afectou foi aos dous mariñeiros que encarnan aos personaxes de Pinto e Cobiñas: Suso Lista e Manuel Castro Duarte respectivamente.  Eses teñen a pel curtida polo salitre.  Zeus o sonidista acabou no hospital con queimaduras de 2º grado. Non lle pasou nada afortunadamente e a día de hoxe aínda sigue gravando comigo

-          Resultou  dificil a gravación da túa curta? Cando se grava en exteriores sempre é difícil porque hai moitos factores que non podes controlar. Neste en concreto, o maior problema foron as nubes. Tivemos que decidir entre gravar con sol ou con sombra. Decidimonos polo sol. Perdemos moito tempo cando unha nube o tapaba ou por ter que repetir planos por culpa de que no medio dunha toma entrara unha nube.

-          Tres días é moi pouco, como vos organizastes para traballar? Canto dura normalmente a gravación dunha curta? A miña peza forma parte dunha serie chamada “Para mariñeiros nós”, que actualmente se emite en V televisión e claro, daquela o equipo xa tiña unha certa experiencia de traballos anteriores e iso transformase nunha maior soltura á hora de traballar. A verdade é que gravamos bastante rápido.  En canto á montaxe, non me quedou máis remedio que durmir moi pouco e traballar día e noite pra chegar a tempo á estrea.

O tempo de gravación dunha curta é moi variable, depende da duración da curta, dos medios requeridos, do número de localizacións, número de actores, e un longo etcétera. Normalmente unha peza duns 9 minutos, con non máis de 2 exteriores pódese chegar a gravar en tres días, pero isto xa digo que é pouco orientativo porque cada peza e distinta das demais.

-          Un ano despois, farías a peza doutra maneira? Si claro. Sempre se poden mellorar calquera cousa que fagas.

-          Cal é a túa máxima no traballo? Estar concentrado, ser eficaz, tratar de que o clima de traballo sexa o máis cordial posible e cumprir cos prazos fixados.

-          Que cres que aportas profesionalmente? Como realizador, a certeza de poder contar unha historia con imaxes e sons.

-          Un adxectivo para Ribadeo: acolledor

-          Unha cor: azul

-          Un heroe: Alexandre Bóveda

-          Un cineasta: Aldred Hitchcock

-          Un lema: Sé constante no que fagas, é a mellor maneira de acadar unha meta